28/10/12

Unha das causas da derrota de Galicia foi o fracaso do nacionalismo como articulador dun proxecto de país moderno

"Nacionalismo terceiromundista. Agora salto, da man de Baamonde, do biográfico ao político e do anecdótico ao histórico. É que, segundo este, unha das causas non menores da derrota de Galicia foi o fracaso do nacionalismo como articulador dun proxecto de país moderno. No seu lúcido ensaio Baamonde non afonda nas razóns, pero apunta argumentos tocados noutras ocasións. 

Resumo a diagnose: o nacionalismo non soubo estar no cerne dese movemento modernizador, só conseguiu acompañalo a reboque, por cachos e con paso desigual. Esta incapacidade (por exemplo, comparada coa eficacia do galeguismo republicano), apunto eu, ten moito que ver co paradigma ideolóxico no que se fundou e do que, malia retoques de ocasión, non consegue ceibarse.

O construto ideolóxico dun nacionalismo coa idea de Galicia como colonia no seu centro, e por tanto cunha inevitable concepción terceiromundista do noso país, da que se seguen como corolarios a necesidade dunha fronte patriótica guiada por un partido de vangarda (marxista-leninista na versión clásica, caudillista e radical-populista na nova do trinque) ten demostrada ata a saciedade nas pasadas décadas a súa radical incompetencia para articular Galicia e dotala dun horizonte de futuro como nación moderna e progresiva.

 Segundo a miña experiencia, o nacionalismo de esquerda (o de centro ten outra historia, á que me confeso alleo) perdeu tres oportunidades históricas para ceibarse desa incapacitante lousa. A primeira arrinca co suceso de Unidade Galega nas eleccións municipais de 1979, continúa co esperanzador experimento de Esquerda Galega nos oitenta e remata coa desfeita desta en 1993 a mans do BNG. 

A segunda coincide co ascenso e caída do Bloque como proxecto común do nacionalismo baixo o liderado de Beiras, desde os primeiros noventa ata a fin da etapa Fraga, e culmina coa fanada traxectoria do bipartito (2005-2009). 

 Nesta segunda fase, co nacionalismo de esquerda unido, púxeronse de vulto de xeito máis agudo as limitacións do construto ideolóxico anticolonialista, limitacións que nin sequera o carisma, habelencia e fascinante retórica de Beiras conseguiron obviar cando o BNG atinxiu un limiar electoral e político que tornaba imposible seguir disimulando. 

 Por certo, en cada un deses episodios, este, un brillante intelectual e político de feitura inequivocamente europea (socialista e demócrata) se comportou como o mítico Cronos devorando os seus fillos.

» Unha xeración fracasada? Estamos vivindo o terceiro episodio. Sen dúbida, a brutal crise e a conseguinte polarización política impoñen esgrevias dificultades para a emerxencia dun novo galeguismo con capacidade de artellar un proxecto de nación moderna, un nacionalismo apto para arborar un modelo de sociedade aberta, avanzada e autogobernada, que permita manter —incrementar— as cotas de benestar e ofrecer oportunidades de futuro á nosa mocidade salvaxemente castigada. 
Ora, esta tarefa non se pode afrontar co crónico afán caníbal que tanto dano leva feito, pegando pinchacarneiros oportunistas, improvisando manobras electorais ou reiterando fórmulas de probada esterilidade."       ('Galicia Caníbal, , El País, 20 SEP 2012)

No hay comentarios: