21/9/24

Cataluña: de independente a confederada... O modelo de financiamento singular deste acordo é confederal... estraña que o PSOE respalde este horizonte fronte ao da federación (ou a unha mutación federalizante das actuais autonomías)... Os dous renuncian: o PSC ao federalismo e ERC ao independentismo... Para as nacións e rexións máis ricas, sen dúbida un bo negocio. Pois o capitalismo nacional de Naturgy-Caixabank ou Iberdola-Kutxabank pode presentar bos dividendos grazas aos recursos naturais e mercados partillados do resto de España (Galicia incluída). Pero cando eses dividendos viran en recursos fiscais, resulta que xa son cousa só da facenda vasca ou, agora, catalá (Albino Prada)

 "O acordo asinado entre o PSC e ERC supón pasar de falar dunha República Independente de Cataluña a un emerxente Estado Confederado de Cataluña no Reino de España (cando menos para ERC), ou de ser unha nacionalidade autónoma dentro do Reino de España a un Estado Confederado dentro do Reino de España (cando menos no que toca aos recursos fiscais para o PSC-PSOE). Mutación confederal do Estado por extensión do concerto fiscal a Cataluña, chamábao Angel de la Fuente en El País. 

O modelo de financiamento deste acordo é o punto de encontro entre ERC e PSC: “Amb aquesta premissa, l’independentisme d’esquerres i el federalisme d’esquerres han tingut la capacitat d’establir confiances”. Os dous renuncian: o PSC ao federalismo e ERC ao independentismo. Un punto intermedio, de momento, entre a independencia e a actual autonomía. Claro que había dous puntos intermedios posibles: federación ou confederación.  

Non estraña que ERC aposte polo segundo, pero si que o PSOE respalde este horizonte fronte ao da federación (ou a unha mutación federalizante das actuais autonomías). Pois, por moito que o presidente Sánchez chame a este pacto un “paso na federalización”, no eido dos recursos fiscais do que vai o acordo asinado é un carreiro confederal semellante ao cupo-concerto vasco.  

O modelo de financiamento singular deste acordo é confederal: “plena sobirania fiscal, basat en la relació bilateral amb l’Estat i la recaptació, gestió i liquidació de tots els impostos”.  Asumen aportar fondos para os custes dos servizos do Estado (supoño eu: xerais, defensa, débeda, déficit da seguridade social e outros) e para a solidariedade con outras CC.AA. Pero sen espazo común fiscal federal de seu para a redistribución. En troques diso fálase de “solidariedade” (eufemismo de xenerosidade ou caridade): “que la contribució a la solidaritat de Catalunya sigui coneguda i reconeguda”. Non hai nisto nin rastro de modelo federal. 

Certo é que se procura a boa saúde do Estado de Benestar: “insuficiéncia financera crónica que limita enormement la despesa en polítiques públiques com la salut, els serveis socials, l’habitatge o les infraestructures”. Pero non se fai reforzando a progresividade do sistema central e territorial nun modelo federal. Daquela non se fala de aumentar os recursos do sistema senón de quedar con todos os presuntamente “xerados” en Cataluña co sistema fiscal actual 

O sistema nin é federal nin é progresivo. E sobra dicir que o sistema nin é nin quere ser redistributivo cando se fala de axustarse a “la mitjana d’inversió pública sobre el PIB al conjunt de l’Estat” ou ao peso do PIB catalán no do Estado. Nin cando se condiciona o nivel da solidariedade inter-territorial a unha cuantificación neoliberal da ordinalidade por vez dunha cuantificación redistributiva, federalizante e de esquerdas. 

Tirando dunha metáfora da vida civil, supón ir cara unha separación de bens para unhas cousas, mentres se vai seguir en réxime de gananciais para moitas outras. Diante da ameaza dunha separación (independencia), o PSC-PSOE mantería así un matrimonio de gananciais (autonomía) para uns recursos (naturais, financeiros, humanos, enerxéticos, mercados, etc.) dentro do Reino de España, ao tempo que abriría outro de separacións de bens nos recursos fiscais. Uns recursos derivados dunha riqueza que en boa medida depende dos que se partillan.   

Confederación con separación de bens para os recursos fiscais, e Autonomía con bens gananciais para o resto de recursos dos que aqueles dependen. Para as nacións e rexións máis ricas, sen dúbida un bo negocio. Pois o capitalismo nacional de Naturgy-Caixabank ou Iberdola-Kutxabank pode presentar bos dividendos grazas aos recursos naturais e mercados partillados do resto de España (Galicia incluída). Pero cando eses dividendos viran en recursos fiscais, resulta que xa son cousa só da facenda vasca ou, agora, catalá.   

Podemos ser creativos cos nomes e chamar a este mix “federalización” a secas ou mesmo “federalismo asimétrico”, pero o que debullamos é un encaixe confederal. Do mesmo tipo que teñen os Estados dentro da Unión Europea (tal como teño analizado noutras ocasións), pero moi lonxe do sistema federal alemán ou norteamericano. Si, confederal ao gusto neoliberal do infra-Estado para a UE que defendeu Hayek no seu día. Por moito que o president Illa diga no seu Parlament, para lialo todo un chisco máis, que a Unión Europea é federal. 

Son partidario dunha opción federal fronte a esta confederal por non poucos motivos que non vou a repetir aquí, ben entendido que mesmo se “só” fose federal, tamén suporía o dereito a separarse da Unión por parte de calquera Estado ou nación integrante. Algo que nun Estado Autonómico é imposible decidir. Pero, polo que se observa, a opción federalizante no Reino de España anda orfa de padriños, mesmo daqueles partidos que viñan dicindo que algún día nos ían levar a unha mutación federalizante do Estado das Autonomíasix 

Non teño dúbidas de que existe un lexítimo independentismo (de esquerdas e de dereitas), pero teño moitas dúbidas de que exista no Reino de España un equiparable federalismo de esquerdas (polo menos no PSOE e con propostas ben articuladas) e de dereitas. Tampouco teño dúbidas de que existe un militante centralismo (con matices autonomistas ou radicalmente centrípeto-provincialista) español que nega a existencia de nacións que non sexan a súa.  

E por todo iso chegamos a un choque de trens entre independentistas e centrípetos, e imos arrastras con remendos de discordia permanente: agora co truco dun réxime fiscal confederal para dous, nun contexto autonómico para o resto. "

( Albino Prada, Tempos Dixital, 03/09/24)

No hay comentarios: