18/1/10

Imposición de un monolingüismo político... a partir de un bilingüismo social... para llegar a un trilingüismo universitario...

(traductor gallego-español)

"- 3. Que modelo lingüístico para o ensino?

Parece existir un acordo xeral sobre o obxectivo do sistema educativo canto á capacitación lingüística do estudantado... A propia Lei de Normalización o estipula: ao remate dos ciclos obrigatorios, os alumnos deben ter unha competencia equiparable en galego e castelán. Unha vez fixadas as devanditas metas, a regulación do uso das linguas nos currículos é cuestión basicamente técnica, e o lóxico é adoptar o modelo que mellor garanta a súa consecución.

En contextos de bilingüismo desigual coma o noso, a conclusión dos especialistas é rotunda: o modelo que mellores resultados dá en termos de competencia en ambos os idiomas é o de inmersión lingüística na lingua minoritaria. Seicasí, tamén é certo que os estudosos advirten que non é factible implantar tal modelo se non se conta cun forte asenso social; un asenso que, recoñezámolo (porque é evidente), non temos en Galicia.

Parte da culpa desa falta de asenso social tenna a cisma de certo nacionalismo pola reivindicación do monolingüismo. Sexamos claros: o modelo de inmersión o que garante é o bilingüismo pleno nas dúas linguas para os falantes de ambas. A retórica monolingüista ten un efecto contraproducente: retrae a moita xente perante o modelo de inmersión, un modelo que probablemente aceptaría se se lle presentase como o que realmente é: garante dun bilingüismo equitativo, que é xusto ao que aspira a maioría social.

Sexa como for, temos que saber conxugar dous factores contraditorios (un modelo ideal de inmersión, e una realidade social de non aceptación maioritaria dese modelo), e iso só pode conseguirse, unha vez máis, artellando un modelo flexible, cousa que o decreto vixente non ofrece. Así como así, o borrador que se presenta non ofrece ningunha mellora neste sentido, pois deseña de novo un modelo ríxido, coa asignación dun terzo do horario curricular a cada lingua. A decisión por votación dos pais sobre as materias que se deben dar en galego ou castelán non significa flexibilidade. Significa caos.

- 4. Está xustificado o uso do inglés como lingua vehicular nun terzo do horario escolar?

Repárese: non nos preguntamos se, nas condicións actuais é viable esa pretensión, pois calquera que coñeza a realidade do noso sistema educativo sabe ben cal é a resposta. Preguntamos se, no caso hipotético de que fose realizable, iso sería sensato. A resposta é: non tal. Non existe na Europa coñecida ningún sistema educativo trilingüe de implantación xeral en que a lingua estranxeira sexa utilizada como vehicular nun terzo do horario desde o inicio da primaria ata o remate dos ciclos educativos obrigatorios.

Un quiñón tan grande resulta desmesurado (ademais de custosísimo), e inxustificable en termos tanto de aprendizaxe das materias dadas en inglés canto de dominio da lingua estranxeira.

Nas recomendacións contidas nos informes europeos, establécese que a introdución dunha lingua estranxeira con carácter vehicular, especialmente na primaria, debe iniciarse con carácter voluntario e experimental, e ampliarse de xeito gradual. Outra cousa constitúe, ademais dunha intolerable imposición, unha fonte máis de atrancos para o aproveitamento educativo de amplos sectores do estudantado.

Onde o modelo tripartito podería ter unha mellor xustificación sería no sistema universitario. Por que non se desenvolve un programa, axeitadamente dotado, para que as nosas universidades sexan trilingües de aquí a dez anos? The answer is blowing in the wind..." (Henrique Monteagudo: Trick or treat' it's up to you. El País, ed. Galicia, Galicia, 15/01/2010, p. 10)

No hay comentarios: