22/12/09

Referendums, independencia e PIB... o porque la izquierda independentista es lo mismo que la derecha independentista...

(traductor gallego-español)

"O PIB per cápita de Bolivia era en 2006 de 1.152 $. O de Santa Cruz, departamento con importantísimas explotacións de hidrocarburos e que ademais aporta o 80% da produción agrícola e xera o 35 % do PIB nacional, era de 1.300 $. Pando, cunha poboación de só 61.000 habitantes, e con grandes riquezas minerais -ouro, litio, cinabrio, ilmenita, bauxita, columbita e pedras preciosas- ademais da produción de améndoa, ten un PIB per cápita de 1.366 $. Tajira, con importantes explotacións de gas, ten un PIB per cápita de 3.033 $.

Estas tres rexións hai tempo que veñen loitando por independizarse do resto do país. Non están dispostos a seguir repartindo a súa riqueza coas zonas máis deprimidas. E menos cun goberno claramente esquerdista, indixenista e redistributivo como é o de Evo Morales. Un plantexamento claramente insolidario. Un nacionalismo de dereitas o dos santacruceños.

Menos mal que Evo acaba de gañar as eleccións cun 63% dos votos -aínda que nos tres departamentos citados non foi quen de gañar-. Este resultado garante, por suposto, a solidariedade e impedirá a curto prazo, calquera avance cara á independencia das rexións ricas.

Hoxe, nos países desenvolvidos os movementos de liberación nacional -impulsados sempre por movementos progresistas de esquerdas-, desaparecido o IRA como movemento armado, loitan todos no marco democrático -excepto, polo de agora o caso de Euskadi- e, polo tanto, o obxectivo é chegar a conseguir nese contexto legal os niveis de soberanía que lle permitan decidir, vía referendum, á poboación de cada país.

Os dous casos que veñen sendo paradigmáticos para os movementos nacionalistas do estado Español son os de Québec no Canadá e Escocia no Reino Unido.

Québec é territorialmente a máis grande provincia do Canadá, cunha poboación que supera os 7,6 millóns de habitantes. Con datos de 2005, o PIB per cápita de Québec é de 29.163 $. Situaríase, pois, no lugar 22 das economías mundiais, por detrás de Alemaña e por diante de Italia e España. (...)

Co incremento dos prezos do petróleo en 2004 e 2005, houbo unha transformación económica: as provincias da Columbia Británica, Alberta e Saskatchewan teñen históricos superávits nos seus orzamentos. Isto provocou que Ontario e Québec expresen que queren contribuír con menos porcentaxe de impostos que o resto das provincias. Alberta, por exemplo, ten un superávit de 8.000 millóns de dólares canadianos, os que, Ontario e Québec piden que se destinen ao sistema federal co fin de que estas dúas provincias contribúan con menos impostos para a federación.

Este cambio económico diminuíu a tensión, e a posibilidade dunha división ou separación da federación xa non é unha preocupación nacional. (...)

Escocia, con datos de 2008, ten un PIB per cápita de 32.655 $. A media do Reino Unido son 33.360 $, é dicir, Escocia estaría no 98% da media do Reino Unido. Se temos en conta que a City de Londres aporta o 21 % do PIB total e que se sitúa mo 169 % da media británica, conclúese que, excluído Londres, Escocia está claramente por riba da media do Reino Unido.

En España, dos tres nacionalismos históricos, Euskadi, Cataluña e Galicia, só os dous primeiros parecen ter claramente deseñada unha estratexia para avanzar cara á posibilidade de acadar a soberanía nacional por vías democráticas.

En Euskadi o PIB per cápita en 2008 é de 46.957 $, que supón o 133,8% da media española. En 2005, por utilizar datos máis homoxéneos, era de 34.484 $.

Cataluña ten en 2008 un PIB per cápita de 41.056 $, que equivale ao 117% da media española. En datos de 2005 era de 32.202 $.

En Galicia, o PIB per cápita 2008 é de 30.131 $, o 85,8% da media española. En 2005 era de 22.226 $.

Na seguinte táboa situamos os cinco países analizados, Québec, Escocia, Cataluña, Euskadi e Galicia, no ranking da OCDE por PIB per cápita.

Obsérvase como os países con azos independentistas sitúanse todos na primeira metade do ranking. É dicir, no reducido grupo de países máis ricos do mundo. Québec, que se coloca lixeiramente por debaixo da media, xa se dixo máis arriba que veu bastante diminuídas as súas reivindicacións independentistas a medida que perdía peso económico no conxunto do estado canadiano.

A primeira conclusión é pois evidente. Os movementos independentistas democráticos progresistas de esquerdas dos países desenvolvidos, coinciden de pleno nos seus obxectivos, dende o punto de vista económico, cos movementos independentistas de dereitas dos santacruceños bolivianos.

Dende Galicia, cun nivel económico por debaixo da media española e na cola dos países da OCDE -véxase a táboa-, esta análise deberíanos deixar claro que a estratexia seguidista de Euskadi e Cataluña é un tremendo erro. Para eles a secesión equivale, en principio, a máis riqueza. Para nós equivale a máis pobreza. (...)

Témome que o nivel de riqueza e benestar que temos acadado dentro do estado español fai xa inaceptable para a inmensa maioría da poboación galega calquera alternativa deste tipo... " (A furada do trasno, 12/12/2009)

"O obxectivo era poñer en evidencia as contradicións tanto das "políticas seguidistas de Cataluña" que están tomando forza en Galicia, como as contradicións entre os discursos de esquerdas e os obxectivos económicos que se perseguen. Era por isto, polo que viña a conto a referencia a Santa Cruz (Bolivia), aínda sabendo que Santa Cruz non é unha nación.

Os exemplos de Quebec e Escocia veñen ao fío porque utilizan vías democráticas dentro dun escenario de desenvolvemento semellante ou superior ao do estado Español.

Fora deste marco, é evidente, hai moitos outros exemplos, pero claro, os métodos teñen que ser tamén diferentes. É nese outro contexto onde cabe falar de que "a esquerda independentista pode valerse da burguesía nacional e dos seus intereses", sempre a eterna táctica, para acadar os sempre adiados obxectivos estratéxicos, a independencia nacional. E xa despois, avanzar cara ao socialismo... Sinceramente, cádranme moi lonxe estas formulacións do escenario no que actualmente nos movemos.

O segundo asunto ten que ver coa valoración dos beneficios ou perxuízos económicos que para Galicia ten a súa pertenza ao estado español -e tamén, se cadra, á Unión europea-.

Hai unha certa corrente de opinión que avalía como moi negativa en termos económicos a pertenza ao estado Español, baseándose na perda de recadación impositiva que se deriva do feito de que moitas das sociedades que operan en Galicia teñen a súa sede, e polo tanto tributan, en Madrid -ou Barcelona-. É tamén de non dispoñer de capacidade lexislativa en materia fiscal. Xa sei que esa é a posición de certa intelligentia económica nacionalista, mais aínda non teño visto ningún traballo serio que avale esas teses.

Para ter unha foto fixa elemental e de trazo groso, do saldo económico para Galiza, abonda con ver o que recibimos e o que aportamos. No ano 2006 (últimos datos publicados polo INE), a renda dispoñible per cápita en Galicia era de 12.929 € fronte aos 14.192 € da media española. É dicir, cada galego dispón de 1.263 € menos que o español medio. No mesmo ano, o PIB per cápita en Galicia era de 18.525 €, fronte aos 22.290 € da media española. Isto é, por termo medio aportamos 3.765 € menos. A diferenza, 2.502 € per cápita, positivos para nos." (A furada do trasno, 15/12/2009)

No hay comentarios: