19/4/10

Un bó debate sobre o galego...

(traductor gallego-español)

"M. F. Se hai quen quere máis galego, tamén haberá quen queira menos e haberá que contemplalo. Debe haber uns mínimos garantidos para cada lingua, pero nunha banda elástica. (...)

H. M. Iso ten que ver con como é entendido o bilingüismo aquí e alá. As medidas que toman os catalanistas en defensa e promoción do catalán son en nome do bilingüismo e en Galicia deixamos o bilingüismo en mans de Galicia Bilingüe. Os que defenden o galego tenden a rexeitalo, alléandose o apoio de sectores da poboación que nun horizonte bilingüe aceptarían cousas ás que nun horizonte non bilingüe se resisten.

M. F. En Cataluña é importante ver como mesmo sectores do independentismo catalán están pensando en reconsiderar a lexislación lingüística para lle facer máis sitio ao castelán. Libros como La rectificació. Hai o convencemento de que a independencia vai necesitar a complicidade dos castelánfalantes. Pódese querer que Cataluña sexa un Estado e falar en castelán. Se aquí falas de que o castelán non é alleo, convérteste nun inimigo satánico.

P. O discurso do bilingüismo comeza a abrirse paso en sectores do nacionalismo galego.

H. M. Na xente nova, de procedencia urbana. Pero no discurso oficial, defender o bilingüismo non é que se ignore, é que se condena. (...)

M. F. O galego é aínda maioritario. Agora ben, non o vai ser durante moitos anos máis. Non sei que horizonte de futuro quere Galicia, pero non pode ser o de comunidades lingüísticas segregadas e pechadas. O futuro do galego pasa non tanto pola cantidade de galegofalantes habituais, senón pola actitude e polo uso que fagan del os castelánfalantes, que van ser maioría. Ser castelánfalante non é abandonar o galego. Pódese participar de máis dun sistema cultural: non hai que escoller entre José Hierro e Manuel María. Lamento que o Goberno anterior nesgase o discurso e lamento todo discurso que considere o castelán lingua allea, imposta.

H. M. Hai que abandonar o paradigma da identidade monolítica, un mal reflexo do nacionalismo español, o primeiro que difunde a idea de nación monolítica e monolingüe. (...)

H. M. O mito do monolingüismo nace unido ao nacionalismo dos anos setenta. Daquela, a maioría da cidadanía falaba galego e abondaba con que o nacionalismo tomase o poder e a lingua ía detrás. Logo, o nacionalismo cambia e admite que o castelán ten máis presenza. Asúmeo como ameaza pero non saca as consecuencias lóxicas. Se admites que o castelán está estendido terás que cambiar á aspiración ao monolingüismo, unha aspiración antes verosímil e agora lunática.

P. Ese proceso de substitución do galego polo castelán é irreversíbel?

M. F. A política lingüística nunca ten a incidencia agardada. Neste momento, aínda vixente o decreto de 2007, o 70% dos nenos de 5 a 16 anos teñen a maior parte das asignaturas en galego e hai só un 30% que o usan habitualmente. Non van cambiar. O mesmo que con ensino en castelán nun ambiente galego seguirían falando galego. Cando se di que na escola entran os nenos falando galego e saen falando en castelán, é certo. Pero non é só a escola. (...)

H. M.
O que sabemos é que o modelo de inmersión funciona.

M. F. Cando a xente o quere.

H. M. A inmersión, polo que sabemos, é o mellor. Tamén sabemos que para que funcione precisa consenso. Asociar a inmersión co nacionalismo ou descualificala non ten sentido.

M. F. É unha vella obsesión do PP.

H. M. A inmersión permite o mantemento das dúas linguas. Nun horizonte de bilingüismo, a xente non obxecta tanto a inmersión. Cando se defende a inmersión para o monolingüismo hai unha reacción lóxica en contra.

M. F. Nos modelos de inmersión que procuran un mellor bilingüismo que os de non inmersión, por exemplo no Quebec, empézase cun ensino completo en francés e logo introdúcese o inglés e así ano tras ano até chegar ao 50%. Os modelos de inmersión propostos como ferramentas para o bilingüismo non teñen nada que ver cos modelos para construír a nación.

H. M. Este país debe pensar seriamente se quere manter esta lingua. Queremos manter a lingua nunha funcións normais? Pois entón a cousa vai por aí. Non houbo esta reflexión, nin sobre o custo, nin sobre as fórmulas. Se o país quere manter a lingua e demóstrase que é suficiente o 50%, adiante. Pero son cuestións instrumentais, porque a cuestión de fondo é ¿queremos manter o galego?

M. F. Nada que obxectar, só que a inmersión non é o único que funciona. A inmersión á catalá, para toda a poboación, non funciona porque a xente non a quere. Ben, non a quere xente poderosa. E debería haber cambios lexislativos. (...)

P. Defenden que "a plenifuncionalidade do galego é imposíbel".

H. M. Hai a idea a primeira vista aceptábel pero en detalle falaz de que todas as linguas teñen a potencialidade para funcionar en todos os contextos e para expresar todas as ideas. Na realidade todas as linguas son desigualmente capaces. É imprescindíbel para o galego que poidas estudar enxeñería aeronáutica en galego? É dubidoso. Sospeito que ninguén estuda aeronáutica en portugués ou en italiano. É problema de escala. As linguas menores de Europa central e oriental teñen funcións cubertas e xa está.

M. F. A garantía de supervivencia dos dialectos alemánicos de Suíza foi o valor doméstico. Abandonar esta dimensión, que teñan que competir na ciencia con linguas con máis capacidades... O tagalo ten 40 millóns de falantes nativos e 200 como lingua de comunicación, e non pinta nada na ciencia.

H. M. A cuestión tampouco é exactamente de número, é de contextos. Pero se te perdes esforzándote porque o galego se use na aeronáutica, igual perdes un terreo decisivo.

M. F. A taberna, por exemplo. Non podes cambiar a taberna pola revista de Física. Xa non hai revistas de Física nin en español.

H. M. A idea da plenifuncionalidade está ligada á idea da lingua nacional que cobre todo o territorio e todo o espazo comunicativo. Iso foi unha novidade histórica, moi extraordinaria. O máis corrente é que haxa distribución de funcións.

M. F. Hai que dar coas claves de entornos multilingüísticos persistentes como Filipinas, onde ningunha lingua está en perigo e mesmo teñen máis falantes que hai 50 anos."

P. Refírense a asumir a diglosia para o caso galego?

M. F. A palabra que foi demonizada e moi mal entendida.

H. M. Utilizouse para definir situacións de dominación lingüística, cando se refire a situacións nas que existen diferentes linguas para diferentes funcións, sen connotacións.

M. F. Foron pouco afortunadas as formulacións de Fergusson en termos de alto e baixo. Os ámbitos informais son moito máis importantes que os ámbitos formais na vida da xente. Unha lingua non pode sobrevivir só nos ámbitos formais. As funcións chamadas altas deberían ser a fala distendida, contar os chistes, falar na casa.

P. O horizonte do bilingüismo do que falan non será posíbel se o galego pasa á marxinalidade. Como reverter a diminución de falantes? (...)

M. F. Hai que traballar moito o entorno cultural, e non me refiro á alta cultura: contos, televisión, música, a tradición... Os nenos teñen que saber os versos de Rosalía, pero sen enterarse como os aprenderon. Todas esas cousas son as que crean unha relación afectiva coa lingua. A clase de matemáticas, non."
(El País, ed. Galicia, Galicia, 16/04/2010, p. 8/9)

No hay comentarios: